Mércores, 14 Xuño 2017 17:45

Os desafiuzamentos en Galicia aumentan no primeiro trimestre do ano e rompen a tendencia á baixa experimentada desde 2015

Valora este artigo
(1 Voto)

Os lanzamentos incrementáronse nun 14,4%, ao pasar de 598 do ano pasado aos 684 do mesmo período de 2017, fronte ao 2,2% do conxunto do Estado

As execucións hipotecarias e os desafiuzamentos aumentan en Galicia por primeira vez desde abril de 2015. O número de lanzamentos practicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2017 incrementouse nun 14,4% respecto ao mesmo período do ano pasado, ao pasar de 598 a 684. Destes, producíronse 205 como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 181 de 2016, o que supón un incremento interanual do 13,3 %.

Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos rexistráronse 453, fronte aos 399 do período anterior, é dicir, un 13,5% máis. Os desafiuzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 18 o ano pasado a 26 no primeiro trimestre de 2017. No conxunto do Estado os lanzamentos practicados aumentan un 2,2%.

O número de execucións hipotecarias abertas en Galicia nos tres primeiros meses do ano ascendeu tamén por primeira desde abril de 2015, rompendo así a tendencia á baixa rexistrada no últimos sete trimestres. De xaneiro a marzo presentáronse 289 demandas, fronte ás 276 no mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento interanual do 4,7%, fronte ao descenso do 26,4% de media estatal.

As execucións baixaron en todas as comunidades coa excepción de Cantabria, Galicia e Madrid, segundo se desprende do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que hoxe fixo público a Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Concursos e ERES

Segundo o informe estatístico, continúan descendendo os concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos. Fronte aos 89 que se rexistraron nos tres primeiros meses de 2016, pasouse a 77, o que supón unha baixada do 13,5%.

Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de Primeira Instancia e Instrución, presentáronse en Galicia no primeiro trimestre do ano 18, por 7 no mesmo período do ano pasado.

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERES), en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre do ano 9, fronte aos 12 do mesmo período do ano pasado, un descenso do 25%.

As 1.367 demandas por despedimento presentadas nos xulgados do Social entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo pasados acadan un descenso interanual do 4%, fronte ao ascenso do 7,9% na media estatal.

O informe sinala así mesmo unha diminución dos procedementos monitorios no primeiro trimestre do ano nos xulgados de Primeira Instancia e de Primeira Instancia e Instrución. En Galicia presentáronse 6.973 nese tempo, polos 7.231 do ano pasado, cun descenso interanual do 3,6%.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top