Venres, 14 Xullo 2017 13:34

Acouga cualifica como “bonos trampa” a solución que lles ofrece o Santander aos pequenos accionistas do Banco Popular

Valora este artigo
(1 Voto)

Veríanse “atrapados na falta de liquidez” e dependerían da vontade unilateral do banco, que decidirá logo de 7 anos se os paga ou os mantén a perpetuidade

O secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, recomenda non subscribir o que considera “bonos trampa” ofertados polo Banco Santander aos clientes polo miúdo do Banco Popular que compraron accións na ampliación de capital desa entidade no ano 2016 ou obrigas subordinadas en 2011 e perderon o total dese investimento tras a adquisición do banco pola corporación financeira que dirixe Ana Botín.

A oferta presentada onte polo Santander, coa que pretende manter boa parte da clientela do Popular e eludir posibles reclamacións xudiciais por parte dos afectados, consiste en “valores negociables emitidos por Banco Santander por un importe nominal equivalente ao investimento en accións ou en determinadas obrigacións subordinadas de Banco Popular (con certos límites) das que eran titulares á data da resolución de Banco Popular", segundo anunciou o banco.

Pérez-Lema explica que os bonos perpetuos ofertados aos pequenos accionistas, que abranguen o 100% do investimento para subscricións de ata 100.000 euros, inclúen un pago anual do 1% de xuro en concepto de cupón con carácter discrecional, “o que introduce un elevado grao de inseguridade na percepción desa cantidade”.

Ademais, o Santander decidirá se amortiza eses bonos pagándolles o nominal aos clientes ou non, xa que en principio emítense a perpetuidade.

“E aquí é onde esta o problema. Unha emisión inferior a mil millóns de euros, e esta é de  980 millóns, considérase polos expertos que presenta graves problemas de liquidez; quen queira atopar comprador é moi probábel que teña que vender os bonos cunha perda moi importante, mesmo do 40% ao 70% do valor nominal. Quen pode querer comprar uns bonos que rendan o 1%? Evidentemente, os investidores que queiran comprar barato aproveitándose da necesidade de liquidez que teña o aforrador en cuestión”, afirma o secretario xeral de Acouga.

A diferenza das participacións preferentes e subordinadas, que posuían un mercado secundario que funcionou ben ata o 2011, estes bonos perpetuos que ofrece agora o Santander carecen dun mercado no que negocialos.

En definitiva, Pérez Lema asegura que o antigo minorista do Popular “verase atrapado na falta de liquidez e dependerá da vontade unilateral do banco.

Ante esta circunstancia, o presidente de Acouga, Manuel Pérez Arias, recorda que a asociación seguirá a proporcionar, a través dos oito despachos da súa rede en Galicia e co apoio de peritos contables e economistas, asesoramento aos clientes do Banco Popular para emprender a vía xudicial de xeito individual.

Acouga mantén que as compras de accións por parte de consumidores e clientes polo miúdo que se produciron na ampliación de capital do Banco Popular en 2016, e que acadou os 2.500 millóns de euros, “son nulas de pleno dereito” igual que moitas das contratacións de débeda subordinada.

Os afectados poden exercer, antes de 4 anos, unha demanda de nulidade por vicio de consentimento”, xa que na venda desas accións “produciuse un erro substancial na contratación porque o Popular enganou ao comprador” sobre o seu estado patrimonial real.

Ademais, Acouga recorda que na súa oferta o Santander non só esixe que se renuncie a calquera reclamación polas accións correspondentes a 2016, senón tamén polas de anos anteriores, xa que estas poderían ser obxecto de reclamacións penais e civís.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top