A Audiencia Provincial de A Coruña vén de ditar a primeira sentenza que estima a demanda de dous clientes do antigo Banco Popular, e anula accións da ampliación de capital de 2016.
O fallo xudicial confirma unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia nº 5 de A Coruña e obrígalle ao Banco de Santander, como sucesor da desaparecida entidade, a devolverlles aos accionistas os 4.225 euros que investiran naquela emisión de valores.
Á hora de determinar se os clientes tiñan pleno coñecemento do risco que asumían ao comprar accións do Popular, a Audiencia de A Coruña sinala que “a propaganda informativa do banco era laudatoria sobre as súas posibilidades futuras”, pero á vista do ocorrido en 2017, co traspaso por un euro ao Santander e a perda total do valor das accións, para o xuíz queda claro que “a imaxe de solvencia e produtividade” que ofreceu a entidade “non se axustaba en modo algún á súa realidade económica”.
O avogado Xoán Antón Pérez-Lema, que dirixiu a demanda, considera “moi relevante” esta primeira sentenza dunha audiencia galega sobre a nulidade de accións daquela ampliación, por ser das primeiras de todo o Estado que resolven sobre esta cuestión.
O propio tribunal coruñés subliña esta importancia ao precisar que “as audiencias provinciais aínda están empezando a pronunciarse, e non sempre con uniformidade, e as resolucións dos xulgados son moi dispares”.
A Audiencia rexeita, por esta mesma razón, impoñerlle o pago de todas as custas procesuais ao Santander, xa que non existe, polo de agora, unha doutrina unificada do Tribunal Supremo sobre a anulación de ordes de compra de accións do Popular respecto da ampliación de capital de 2016.
280.000 euros para os accionistas
Só no último ano, o despacho coruñés Pérez-Lema Avogados conseguiu sentenzas favorables para accionistas do Banco Popular que comportaron para eles a devolución de preto de 280.000 euros.
A estas hai que sumar as resolucións referidas a swaps, preferentes, valores, cláusulas de chan e outras cláusulas abusivas en préstamos con garantía hipotecaria de diferentes entidades financeiras, que supuxeron para o conxunto dos demandantes a recuperación de preto de 650.000 euros.