A Asociación Galega de Consumidores celebra unha resolución que apoia a súa demanda colectiva contra Abanca

“Hoxe síntese un orgulloso de ser europeo, porque hoxe demostrouse que a Unión Europea é realmente unha comunidade de dereito, o que non sempre pode dicirse da xustiza española”. Así de rotundo e satisfeito amósase o secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, ao coñecer a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que obriga aos bancos a devolverlles aos seus clientes, sen límite de tempo, as cantidades que lles cobraron de máis polo efecto das cláusulas solo das hipotecas.

Esta resolución vén apoiar por completo a demanda colectiva formulada contra Abanca por Acouga, que foi admitida a trámite polo Xulgado do Mercantil número 1 de A Coruña, e á que ata o de agora xa se adheriron preto de mil clientes da entidade bancaria de dentro e fóra de Galicia.

Ábrese agora un horizonte procesual no que, logo da publicación dun edicto no BOE, abrirase un prazo de dous meses para a incorporación á demanda de novos usuarios.

Pérez-Lema explica que Abanca será emprazada en breve prazo polo xulgado para contestar á demanda antes de finais de xaneiro, de xeito que a audiencia previa podería celebrarse en abril ou maio e o xulgado, previsiblemente, ditaría sentenza antes do vindeiro 31 de xullo.

Presentación de la demanda en febrero pasado

O secretario xeral de Acouga aplaude a sentenza “xurídica e non política” ditada polo TXUE, resolución que “desbota o argumento de patacón do Tribunal Supremo e garántelle aos consumidores a devolución das cantidades que lles corresponden desde a data de cadanseus préstamos”.

Acouga subliña que a asociación foi pioneira nesta acción xudicial e está aberta a incorporar á súa demanda colectiva a todos os clientes que desexen recuperar as cantidades aboadas de máis polas súas hipotecas, para o que abonda con darse de alta como asociado, cun custe de 10 euros mensuais.

Así mesmo, insta a todos os afectados que aínda non se adheriran á demanda a que se asesoren e defendan os seus dereitos, tanto aqueles que desexen sumarse á demanda colectiva contra Abanca como os que queiran formular demanda contra calquera outra entidade bancaria de xeito individual, na seguridade de que a sentenza do TXUE garante o éxito das súas reclamacións. 

A Asociación anunciou tamén o pasado día 16 unha demanda colectiva para reclamarlles ás entidades financeiras con sede en Galicia (Abanca, Banco Pastor e Caixa Rural Galega) os gastos e impostos de formalización das súas hipotecas.

 

Contacto de Acouga para o consumidor:

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

674 597 360 

Top