O 53,5% das sentenzas ditadas en todo o Estado durante 2017 foron asinadas por xuízas

Aínda que o Consello non ofrece datos territorializados, en 2017 o 53,5% das sentenzas ditadas en todo o Estado foron asinadas por mulleres, malia representaren o 52,7% da xudicatura. O informe precisa que esa diferenza "pode explicarse en parte polo predominio dos homes nos órganos colexiados" (audiencias, tribunais superiores, Supremo e Constitucional).

Porén, a análise do CXPX esquécese de engadir cal é a outra parte que explica esa maior eficiencia resolutiva das mulleres, e tampouco pon en relación con ela un feito relevante: en 2017, as xuízas a maxistradas disfrutaron dunha media de 34,2 días de permisos e licenzas, fronte a unha media de 17,1 días no caso dos homes. E aínda así, en conxunto ditaron unha porcentaxe de sentenzas superior á súa proporción no conxunto da carreira.

Nun aspecto relacionado cos días de permiso, as estatísticas xudiciais sinalan que das excedencias por coidado de fillos, en 2017 as mulleres solicitaron o 97,9% das 47 rexistradas, e as dúas cursadas nese ano por coidado doutros familiares.

A falta dun informe máis amplo e detallado, cómpre engadir algúns datos que axudan a debuxar a paisaxe dunha crecente -e semella que imparable- presenza feminina na xustiza: as mulleres superan o 55% do total entre o alumnado matriculado de grado e primeiro e segundo ciclo de Dereito, e representan o 57% dos que obteñen o título.

Este maior número de graduadas en Dereito ten o un correlato aínda máis acusado na Escola Xudicial e no Centro de Estudios Xurídicos, nos que se forman, respectivamente, os futuros membros da xudicatura e a fiscalía. Aínda que a proporción varía segundo as promocións, as mulleres gañan entre 6 e 7 de cada 10 prazas ofertadas anualmente por cadanseus centros.

 

Top