A Fundación Lois Peña Novo concedeulle á maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas o premio Peña Novo pola normalización da lingua galega na súa XXIII edición.
Desde o seu ingreso na carreira xudicial en 2005, o compromiso de Piñeiro coa lingua lévaa a desenvolver a súa actividade profesional en galego. O xurado do premio salienta que "a súa constancia nese maxisterio galeguizador" serviu de exemplo para estender o uso do idioma entre membros da avogacía, o funcionariado e outros axentes xurídicos, dándolle prestixio ao galego idioma no ámbito xudicial. Suliña o xurado a "traxectoria impecable" da xuíza na defensa do uso da lingua galega no seu ámbito profesional, no que leva ditado máis de catro mil sentenzas e de dez mil autos e resolucións xudiciais en galego.
A Fundación sinala que con este labor Sandra Piñeiro foi creando "un corpus documental de gran riqueza para o noso idioma, supoñendo ese esforzo persoal un enorme paso para a divulgación do galeguismo xurídico".
Na mesma edición foron tamén galardoados Xurxo Mariño Alfonso, neurofisiólogo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade da Coruña e comunicador científico, e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas.
Mariño, membro da sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega, é difusor da ciencia en galego e artellou espazos novidosos como os cafés-teatro científicos, os discurshows ou os monólogos tratando cuestións científicas dunha maneira pedagóxica e distendida. O xurado salientou o seu compromiso coa docencia universitaria en galego, como exemplo para o alumnado e a comunidade universitaria.
En canto á Asociación ponte nas Ondas, vén desenvolvendo desde hai máis de 20 anos un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial común entre Galicia e Portugal, no que a lingua é o soporte da experiencia da asociación, que se efectúa tanto no ámbito cultural como educativo e social a través da radio, internet e/ou a dinamización da cultura popular.
O xurado desta edición estivo composto por Xosé Manuel Cid, doutor en pedagoxía e profesor da Universidade de Vigo no campus de Ourense, Consuelo Castro Rey, xefa da Avogacía do Estado en Galicia; Xurxo Martínez González, investigador e técnico de normalización lingüística no concello de Redondela; Flora Miranda Pena, médica e política; Xosé M. García Crego, xubilado da industria editorial; e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Peña Novo.
A Fundación Lois Peña Novo ten como obxectivo promocionar e difundir a lingua e a cultura galega dentro das administracións públicas ou entre as empresas que manteñan relación directa coas Administracións Públicas