A directora xeral da Función Pública, Verónica Soto, é asasinada no portal da súa casa. Co seu sangue, o asasino deixa unha nota: "Por indecente". Así arrinca Sen criterio, a terceira novela de Áurea L. Lamela (Lugo, 1959), que elixiu o lado escuro dunha apracible cidade de provincias para ambientar unha trama policíaca e xudicial sementada de corrupción, violencia e paixóns.
A novela, publicada por Éride Ediciones, preséntase mañá ás 13.00 horas na Librería Berbiriana da Coruña (rúa de Santiago, 7, xunto a Porta Real), da man da propia autora e da avogada penalista e técnico urbanista lucense María Novo.