Venres, 08 Xullo 2016 17:42

As catro asociacións xudiciais denuncian "o escaso interese que a Xustiza suscitou nos diferentes gobernos de España"

Valora este artigo
(3 votos)

O vogal Álvaro Cuesta reclama un plan estratéxico e repensar o modelo constitucional do Poder Xudicial

Representantes das catro asociacións xudiciais deunciaron esta mañá "o escaso interese que a Xustiza ten suscitado nos diferentes gobernos de España", no curso da mesa redonda Que reivindican os xuíces españois? coa que se clausurou o primeiro curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán, no municipio coruñés de Bergondo.

Álvaro Cuesta, membro da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), foi o encargado de moderar a mesa redonda e chamou a atención sobre o que considera as cinco necesidades básicas da Xustiza e dos profesionais da carreira xudicial.

En primeiro lugar solicitou ás novas Cortes que aproben un Plan Estratéxico da Xustiza que a sitúe como un servizo público prioritario, ademais de reclamar un novo mapa territorial. O vogal, para quen "cómpre repensar o modelo constitucional do Consello Xeral do Poder Xudicial", afirmou que fai falta un acordo entre o propio CXPX, o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas para o avance da administración electrónica.

Reclamou tamén a creación de novas prazas -ao redor de 20, precisou- nas Salas do Civil e Penal dos Tribunais Superiores de Xustiza, así como o reforzo dos Xulgados de Primeira Instancia, Social e Mercantil. Finalmente, insistiu na necesidade de que se potencie "unha auténtica carreira profesional dos xuíces e maxistrados".

De esq. a drta., Menéndez, Rodríguez, Cuesta, Sexmero e Gallardo na Escola de Verán do Poder Xudicial
Menéndez, Rodríguez, Cuesta, Sexmero e Gallardo TSXG

O representante da Asociación Profesional da Maxistratura, Celso Rodríguez Padrón, tras reflexionar sobre as necesidades da Xustiza en España, concluíu que "é unha campo de intrascendencia política", ao non atoparse a Xustiza entre as cuestións que os cidadáns, segundo as enquisas, consideran problemáticas.

Marcelino Sexmero Iglesias, da Asociación Francisco de Vitoria, afirmou que "ningún Goberno nin partido político nos últimos 30 anos tivo o máis mínimo interese en construír un modelo de Xustiza claro nin un órgano de goberno do poder xudicial independente". "A política xudicial de todos os gobernos é a crónica dunha ilusión perdida", dixo.

Interveu a continuación o representante da Asociación Xuíces para a Democracia, Francisco Javier Menéndez Estébanez, quen demandou novas formulacións para mellorar a situación dos xuíces. "A evolución da Xustiza en España segue sendo negativa e preocupante pola falta da achega de medios e ideas para planificar o futuro e o presente", declarou.

Finalmente, Conrado Gallardo Correo, de Foro Xudicial Independente, sostivo que "a Xustiza é máis fiable se se exerce colexiadamente". Con todo, puntualizou que "a implantación dun modelo colexiado leva perigos de diminución da independencia real dos xuíces, polo que é necesario garantir os principios de inamovilidade e xuíz predeterminado pola lei, o que fai imprescindible que a súa presidencia e órgano de goberno sexan elixidos polos membros do propio tribunal".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top