Mércores, 13 Xullo 2016 17:12

O presidente da Audiencia Nacional pide medidas preventivas que complementen ao dereito penal na loita contra a corrupción

Valora este artigo
(1 Voto)

Navarro destacou a importancia na rapidez da sanción e o ser quen de “transmitir a certeza de que os corruptos non van poder eludir a acción da xustiza”

O presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro, apostou por políticas preventivas na loita contra a corrupción na súa intervención na Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán. “A corrupción non se pode combater exclusivamente  co dereito penal, senón que este debe ir precedido e acompañado de medidas preventivas, tanto sociais como legais: transparencia, controis eficaces e mecanismos de dación de contas”, afirmou o maxistrado, quen con todo quixo deixar claro que “si é unha ferramenta necesaria e mesmo imprescindible na loita contra os fenómenos de corrupción”.

Navarro (esquerda) e o vogal do CXPX Juan Manuel Fernández na Escola de Verán de Mariñán
Navarro (esq.) e o vogal Juan Manuel Fernández    TSXG

Para Navarro, “o incremento das penas non é a solución para loitar contra a corrupción”. Destacou a “importancia na rapidez con que chega a sanción” e o ser capaces de “transmitir a certeza de que os corruptos non van poder eludir a acción da xustiza”.

O presidente da Audiencia Nacional reclamou tamén “unha definición clara e definitiva” na Lei orgánica do Poder Xudicial das competencias deste órgano no relativo aos casos de corrupción. Insistiu tamén na necesidade dunha “nova e duradeira” Lei de axuizamento criminal, pactada por todos os grupos políticos, xa que considera que tras as múltiples modificacións que sufriu, a actual LeCrim é nalgúns puntos “incoherente e inconexa”.

Na Escola de Verán tamén participou hoxe o maxistrado da Audiencia Nacional Enrique López, a maxistrada Mercé Caso e o avogado José Antonio Choclán, que participaron na mesa redonda A quen beneficia o abandono ou a precariedade de medios do servizo público da Xustiza?.

O vogal Juan Manuel Fernández, director académico da Escola, quixo aproveitar a súa presenza nesta mesa redonda para condenar o ataque con cócteles incendiarios rexistrado nos xulgados de Betanzos. “As dependencias desde onde se imparte xustiza deben ser un lugar de resolución de conflitos, de convivencia e de pacificación. Non hai razón que xustifique a barbarie, o despropósito e o uso da violencia”, declarou.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top