Mércores, 23 Novembro 2016 22:01

UXT denuncia á Xunta por adxudicar prazas "a dedo" incumprindo a normativa da Nova Oficina Fiscal

Valora este artigo
(1 Voto)

Un xulgado do Contencioso de Santiago admitiu a trámite a demanda do sindicato e pediulle documentación á Consellería

UXT fixo pública a presentación dunha demanda contra a Dirección Xeral de Xustiza por "vulnerar a Lei Orgánica do Poder Xudicial, conculcar o Modelo de Oficina Fiscal acordado entre o Ministerio de Xustiza e a Fiscalía Xeral do Estado e crebar a xurisprudencia do Tribunal Supremo", ao establecer postos de libre designación para funcionarios que non pertencen á Administración de Xustiza, prescindindo ademais da preceptiva negociación colectiva, segundo sinala o sindicato nun comunicado.

A demanda foi admitida a trámite polo xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela, que xa lle solicitou á Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza documentación referida ao contido do procedemento aberto.

A nota precisa que tanto a Lei Orgánica do Poder Xudicial como o Modelo de Oficina Fiscal determinan que os postos de traballo das fiscalías e adscricións de fiscalías, "só serán servidos por funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza".

Con todo, a Consellería "fixo caso omiso e, incumprindo flagrantemente a lei", convocou prazas de libre designación que poderían ser ocupadas por funcionarios da Administración Autonómica e da Administración Xeral do Estado en vez de seren designados "a dedo".

UXT engade que, ao facer isto, a Consellería de Presidencia vulnera tamén o seu propio Decreto 124/2014 polo que se determina a estrutura e a organización da Oficina Fiscal en Galicia. No seu artigo terceiro, dita normativa establece que os postos de traballo da Oficina Fiscal "serán desempeñados por funcionarios ao servizo da administración de xustiza".

Ademais, a Dirección Xeral de Xustiza "contraveu a normativa e a xurisprudencia relativas ao dereito fundamental de negociación colectiva establecido no artigo 37.1 da Constitución, impedindo que se levase á Mesa de Negociación este asunto e negándose a entregar ás organizacións sindicais a documentación necesaria para a negociación das relacións de postos de traballo da Oficina Fiscal en Galicia", a pesar das reiteradas alegacións e advertencias de UXT ao respecto. 

Caos organizativo nas fiscalías 

O sindicato afirma que na Oficina Fiscal de Galicia non se está aplicando o modelo organizativo deseñado polo Ministerio de Xustiza e a Fiscalía Xeral do Estado. "A falta de aplicación dos manuais de organización e procedementos e a permanente falta de recursos, provocan unha continua desorde e confusión no funcionamento diario da Oficina Fiscal de Galicia, que só se evita polo enorme esforzo de fiscais e funcionarios para sacar o traballo adiante", asegura a nota.

Ademais, o incremento da carga de traballo na Oficina Fiscal, como consecuencia do aumento das súas competencias, "non se viu acompañado da creación de postos de traballo nin da actualización da aplicación informática da Fiscalía (Fortuny) para a súa integración co sistema de comunicacións Lexnet", o que multiplica o papel e o número de actuacións que se deben realizar.

Por último, a nota salienta que o número de funcionarios que traballan na Oficina Fiscal de Galicia é inferior ao número de fiscais, e cualifica de "escandaloso" o caso da Fiscalía de Área de Compostela, onde o número de fiscais é case o dobre ca o de funcionarios, "afastándose moito do cociente establecido pola Fiscalía Xeral do Estado dun funcionario por fiscal".

Ademais da demanda contra as prazas de libre designación, UXT impugnou xudicialmente hai un ano a Relación de Postos de Traballo (RPT) que atinxe á Nova Oficina Fiscal. Aquel procedemento foi remitido polo xulgado ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que a súa vez o devolveu ao Xulgado do Contencioso número 2 de Santiago.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top