Xoves, 19 Mai 2016 13:44

Admitidas a trámite cinco demandas contra municipios por non cambiar o seu nome franquista

Valora este artigo
(1 Voto)

O avogado Eduardo Ranz láiase de que a FEMP, que preside Abel Caballero, peche a porta a cooperar no cumprimento da Lei de Memoria Histórica

Cinco xulgados veñen de admitir a trámite outras tantas demandas contencioso-administrativas contra municipios de Andalucía, Castilla-La Mancha, Castilla y León y Extremadura por negarse a cambiar o seus nomes franquistas. As demandas foron presentadas polo avogado Eduardo Ranz, que desde hai anos promove accións xurídicas que garantan o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O letrado presentou o pasado 11 de febreiro dereitos de petición solicitando a redefinición dos nomes de 11 municipios das comunidades autónomas mencionadas, e só en tres deles accedeuse á petición formulada: Águeda del Caudillo (agora Águeda, en Salamanca), Queipo de Llano (por Cinco de Riuela, en Sevilla) e Bembézar del Caudillo (Bembézar, en Córdoba).

Segundo a regulación do dereito de petición, cando a resposta é negativa ou non a hai, como ocorreu nestes casos, preséntase a demanda transcorridos 45 días hábiles, como se fixo cos oito municipios agora demandados. Tres das demandas están aínda pendentes de admisión polo órgano xurisdicional correspondente.

O despacho de Ranz presentou tamén unha petición no mesmo sentido ante a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), presidida por Abel Caballero, alcalde de Vigo. Ademáis, pedíaselle á Federación que procedera a retirarlle as subvecións e apartara da institución aos municipios que se negasen a redefinir os seus nomes, entre outras medidas coercitivas. A FEMP contestoulle o pasado 9 de maio que esta non goza da condición de administración publica e, por tanto, de potestade coercitiva sobre os seus asociados, "non puidendo o presidente adoptar medida algunha ao respecto". Así mesmo, precisou que o presidente non posúe a condición de autoridade e "non pode ser considerado destinatario do dereito de petición".

Segundo o bufete madrileño, as admisións a trámite "representan o incumprimento dos alcaldes coa memoria histórica, e será corrixido xudicialmente case 10 anos despois da entrada en vigor da Lei". O avogado láiase de que a Federación de Municipios "peche cunha portada a súa porta de acceso", e engade que "desde este momento, serán os xuíces, e non os políticos, os que decidan sobre a Lei de Memoria Histórica".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top