Manuel Moix dimitiu esta mañá como xefe da Fiscalía contra a Corrupción e o Crime Organizado.
As informacións sobre a súa participación empresa radicada no paraíso fiscal de Panamá foron o último, e decisivo, capítulo dun brevísimo mandato definido nos últimos dous meses polas súas polémicas actuacións nos casos Lezo e Tres por cento, con fondas discrepancias cos seus fiscais sobre o alcance das investigacións ás respectivas tramas corruptas de Madrid e Cataluña e o conseguinte intento de relevar aos seus subordinados na Fiscalía.
O penúltimo capítulo foi a súa reprobación, xunta coa do fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, e a do ministro de Xustiza, Rafael Catalá, polo Congreso dos Deputados, o pasado día 16 de maio.
A renuncia de Moix foi anunciada polo propio fiscal xeral do Estado nunha comparecencia ante a prensa na que se limitou a ler un comunicado sen opción a preguntas: "tendo en conta que non encontro motivo para a dimisión do fiscal, teño que dicirlles que me presentou a súa renuncia por motivos persoais, e tras falar con el, posto que insistiu en que é irrevogable, non puiden convencerlo do contrario".