Venres, 09 Xuño 2017 16:12

Abren xuízo oral contra Marina Castaño e o ex director xerente da Fundación Camilo José Cela por malversación

Valora este artigo
(1 Voto)

Tamén están acusados o ex conselleiro da Xunta Dositeo Rodríguez e a súa filla e subdirectora da entidade, por simular o despedimento de Tomás Cavanna

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº2 de Padrón ditou auto de apertura de xuízo oral no caso da Fundación Cela que se segue polo presunto delito de malversación. A xuíza dirixe a causa contra catro persoas: a presidenta da fundación no momento dos feitos, Marina Castaño, un membro do padroado, o que foi conselleiro de Presidencia con Manuel Fraga, Dositeo Rodríguez, a filla deste e subdirectora da entidade aínda na actualidade, Covadonga Rodríguez, e o director xerente, Tomás Cavanna.

Segundo o auto, “todos eles, de común acordo” e para beneficiar ao director da fundación, simularon o despedimento deste  e acordaron que a indemnización que lle correspondía polos servizos prestados era de 150.000 euros brutos; “a pesar de ser conscientes todos eles que non se trataba dun despedimento, senón que o xerente quería abandonar voluntariamente a fundación”.

O auto relata que o 3 de xuño de 2010 celebrouse unha conciliación entre Cavanna e a Fundación Camilo José Cela na Sección Mediación Arbitraxe e Conciliación (SMAC), na que a entidade, representada pola súa subdirectora chegou a un acordo con aquel polo que a indemnización que se lle abonaría polos servizos prestados ascendería a 150.000 euros.

"O acordo gozaba do beneplácito de Dositeo Rodríguez e de Mariña Castaño e o abono da cantidade pactada realizouse mediante cheque nominativo asinado por esta última o 30 de xullo de 2010 e con cargo a fondos públicos", di a resolución xudicial.

No momento da comisión dos feitos investigados, a Fundación Camilo José Cela era unha fundación do sector público de Galicia, en virtude do disposto no art. 58 da Lei de Interese Galego;  “carácter público da fundación que era coñecido polos acusados, posto que desde o ano 2007 máis do 50% dos seus ingresos proviñan de subvencións públicas”, indícase na resolución xudicial.

A xuíza imponelles aos catro acusados unha fiaza solidaria de 200.000 euros. A causa será xulgada por un xurado popular.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top