Luns, 23 Mai 2016 13:35

O Estado terá que indemnizar en 60.000 euros a unha muller que pasou 542 días en prisión por un homicidio que non existiu

Valora este artigo
(0 votos)

O xurado que a absolveu despois determinou que a morte da vítima produciuse durante un forcexo na que ela mesma se cravou un coitelo no peito

O Tribunal Supremo (TS) condena ao Estado a pagar a unha muller unha indemnización de 60.000 euros por estar 542 días encarcerada por un delito de homicidio que non existiu. A muller foi absolta por un xurado da Audiencia Provincial de Madrid, nun veredicto confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, que considerou como único feito probado que o falecido se cravara accidentalmente un coitelo no peito durante un forcexo coa acusada.

A sentenza, ditada pola Sala Terceira,  conclúe que ao faltar a acción típica do delito de homicidio _xa que o falecemento da vítima produciuse ao cravarse el mesmo o coitelo_, a inexistencia do delito imputado determina a declaración de responsabilidade  patrimonial do Estado.

O TS  estima o recurso contencioso-administrativo interposto pola recorrente e anula o fallo da Audiencia Nacional (AN), que entendeu que non se daban os requisitos para indemnizar á recorrente por resultar absolta ao non haber proba de cargo suficiente contra ela. A mesma sentenza rexeitou a petición indemnizatoria por erro xudicial e funcionamento anormal da administración de xustiza.

A Sala Terceira indica que a sentenza da AN incorre en incongruencia omisiva porque ignora o feito declarado probado polo xurado, e que foi a razón da absolución da recorrente. Por todo iso, engade que se trata dun caso de inexistencia do feito imputado _inexistencia obxectiva_ ou, o que é o mesmo, de ausencia de imputación por inexistencia do feito delituoso.

A vítima reclamaba, ademais de 1.054.656 euros polo tempo que estivo encarcerada, outros 18.655 euros polo que deixou de percibir ao perder o seu traballo, 12.169 euros pola perda da residencia legal en España ata que interpuxo a reclamación previa, 80.000 euros por danos psicolóxicos e 100.000 euros por danos morais e dereito á honra. A Sala Terceira recoñece o dereito da muller a cobrar 60.000 euros por prisión preventiva pero deixa fóra os outros conceptos reclamados.

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top