Imprimir esta páxina
Martes, 18 Decembro 2018 19:08

Absolto un tuitero de enaltecemento do terrorismo pola escasa difusión e o leve impacto das súas mensaxes

Valora este artigo
(1 Voto)

A Sala II do Tribunal Supremo anulou a condena de 1 ano de prisión por delito de enaltecemento do terrorismo imposta pola Audiencia Nacional a un home por unha serie de tuits que publicou entre 2013 e 2015 referidos ao concelleiro do PP asasinado por ETA Miguel Ángel Blanco e sobre o seu desexo de que ETA e GRAPO actuasen contra determinados políticos e medios de comunicación.

A Sala absolve ao acusado por entender que, ante a escasa difusión e leve impacto causado polos tuits, e “a pesar do mal gusto das expresións”, o caso debe quedar fóra do ámbito penal.

O tribunal, en sentenza da que foi relator o maxistrado Andrés Martínez Arrieta, destaca que a desmesura do contido das mensaxes “non alcanza o reproche penal na medida en que son expresións illadas, (cuxo) coñecemento xeral non resulta da publicación, senón da localización posterior, e a súa divulgación vai máis aló da pretensión do emisor”, así como pola “súa escasa difusión e o leve impacto causado”, que fai que, a pesar do mal gusto das expresións, deba quedar fóra da tipicidade penal.

Ademais, engaden os xuíces do Supremo, “a chamada á acción non é real, non é seria, na medida en que a apelación se fai a organizacións terroristas, felizmente, desaparecidas”.

Entre os tuits publicados polo acusado, figuraban: “todos os de Intereconomía, como Miguel Ángel Blanco”, “me meo na AVT”, “quero un selfie coa caluga de Miguel Ángel Blanco”, "Responder Esperanza Aguirre, Asasina de nenos quédaseche curta. Que volvan os GRAPO e ETA e che dean o teu merecido, escoria”, "Ataques ao PP. Mágoa que as bombas non estalaron. E que non houbese ninguén dentro. Espero que polo menos isto provoque un efecto chamada”, ou “foder, no canto de tirotear a Charlie Hebdo xa poderían ir á redacción de El Mundo ou El País, moito máis produtivo”.

O Supremo comparte que as frases recollidas non se xustifican na liberdade de expresión, e poden ser tidas como afrentosas á convivencia, pero cre que deben quedar fóra da tipicidade penal unha vez realizada a necesaria ponderación coa conexión co terrorismo e a valoración de elementos de contexto, de medio empregado, difusión,  antigüidade, a afectación social, e tamén vista a proporcionalidade da pena coa natureza do feito.