Mércores, 25 Mai 2016 17:20

O TSXG rexeita a querela de Gómez Besteiro contra a xuíza De Lara pola instrución da 'Operación Pulpo'

Valora este artigo
(1 Voto)

Afirma que non hai indicio algún de delito por parte da maxistrada na investigación á que está sometendo ao ex dirixente socialista

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non admitiu a trámite a querela presentada polo ex secretario do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, contra Pilar de Lara, titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, pola suposta comisión dun delito de prevaricación xudicial na instrución da denominada Operación Pulpo. En opinión do Tribunal, non existe indicio algún ("nin siquera erros", subliña) de que se cometera "delito de prevaricación xudicial nin ningún outro" no auto de apertura de dilixencias previas ditado pola xuíza o pasado mes de marzo contra o ex dirixente socialista.

Besteiro figura como investigado pola posible comisión de delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións Públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos. Xunto a el están sendo investigadas outras seis persoas do seu contorno cando era presidente da Deputación Provincial.

Tras recibir o Tribunal o escrito de Besteiro, déuselle traslado á Fiscalía, que informou a favor de que a Sala asumira a competencia e inadmitira a trámite a querela arquivando as actuacions.

Relato detallado

A Sala, seguindo o informe do Ministerio Público, sinala que a querela considera que no auto da xuíza efectúase "unha imputación inxusta de propósito e a propósito" ao ex presidente da Deputación lucense como autor de diversos delitos en relación, entre outros feitos, con diversas viaxes realizadas en datas nas que _"como a maxistrada coñecía"_ Gómez Besteiro non era presidente da corporación provincial nin ocupaba cargo algún nela.

Afirma a querela que De Lara tiña as facturas coas súas datas concretas, facendo no auto relación aos importes económicos que constan nas facturas, "pero ocultando maliciosamente a data".

O escrito presentado pola representación de Besteiro detalla o contido do que considera auto prevaricador, segundo o cal "se imputan ou din investigar catro bloques de feitos" asignados a diversas persoas, con indicios serios derivados de múltiples fontes probatorias que acreditarían oito delitos, os seis imputados a Besteiro e a algún dos demáis investigados e os de uso de información privilexiada e descubrimento de segredos.

O auto tamén estima, segundo o relato da propia querela, que habería "unha coordinación entre os presuntos autores e que se puxeron moitísimas dificultades á investigación".

Complexidade e fase preliminar

Na súa resposta, a Sala sostén que a querela "parte dunha visión subxectiva dos feitos, efectuando consideracións á marxe", como o modo en que leva De Lara as causas penais.

E polo contrario, din os xuíces, o querelante non se dá de conta dun extremo que eles consideran "esencial": o elevado número de autoridades e funcionarios da Deputación que poderían ter actuado de forma coordinada e continuada na comisión das irregularidades supostamente delituosas e a complexidade das infraccións penais que se investigan, e que xustificarían o proceder da maxistrada.

O TSXG recórdalle ao querelante que a instrución está nunha fase preliminar que ten por obxecto "practicar as dilixencias encamiñadas a pescudar e facer constar a perpetración dos delitos, a natureza e circunstancias dos feitos e as persoas que participasen neles" co fin de preparar a vista oral, sen prexuízo de que a causa poida arquivarse se non se consegue acreditar o delito.

Resulta por tanto "difícil concibir", prosegue o Tribunal, que nesta fase se poida incorrer en prevaricación, pois moitas dilixencias poden resultar infrutuosas "e non por iso poden considerarse contrarias á lei". "Non atopamos precedentes xudiciais neste ámbito", remarca a Sala antes de concluír: "Teriamos que atoparnos ante unha resolución tan groseramente ilegal e sen fundamento para poder expoñermonos á existencia do delito de prevaricación xudicial".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top