Venres, 29 Xullo 2016 19:30

A terceira parte das sentenzas condenatorias dos tribunais españois en 2015 foron por delitos contra a seguridade viaria

Escrito por DXustiza
Valora este artigo
(2 votos)

O ano pasado impuxéronse 57.313 penas de retirada do carné, 50.000 de multa e 31.634 de traballos en beneficio da comunidade

En 2015 os tribunais españois ditaron 83.283 sentenzas condenatorias por delitos contra a seguridade viaria, un 34% das pronunciadas por toda clase de delitos. Así o puxo hoxe de manifesto o fiscal de sala coordinador desta materia, Bartolomé Vargas, na presentación da memoria correspondente ao pasado exercicio.

O fiscal de sala de seguridade viaria sinalou que en 2015 os fiscais formularon 81.529 escritos de acusación por delitos viarios de perigo, que constitúen o 32% do total dos presentados polo Ministerio Público.

Preto do 90% das condenas foron ditadas de conformidade co acusado e nunha porcentaxe moi alta con cumprimento inmediato das 57.313 penas de privación do dereito para conducir impostas. Tamén se verificou un rápido cumprimento de boa parte das 50.000 penas estimadas de multa e as 31.634 de traballos en beneficio da comunidade impostas en 2015.

A estatística fiscal indica que se manteñen as elevadas porcentaxes de procedementos incoados e acusacións formuladas no ámbito da delincuencia viaria polo procedemento de xuízo rápido, e que tres de cada catro procedementos incoados (75,48%) e catro de cada cinco escritos de acusación (81,03%) sono polo trámite de Dilixencias Urxentes.

Bartolomé Vargas aproveitou a súa comparecencia para facer un chamamento a extremar a prudencia ante a nova operación saída de agosto, "para gañar a alegría de vivir", para tratar de que este ano se reduzan no posible esas cen vítimas mortais que auguran as estatísticas "como a crónica dunha morte anunciada".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top