Mércores, 24 Mai 2017 12:46

Arquivada a denuncia contra o concelleiro coruñés de Culturas polo cartel de entroido cunha persoa disfrazada de papa

Valora este artigo
(2 votos)

Para a Fiscalía trátase "ao sumo unha imaxe provocadora ou satírica, pero non cuestionaría directa ou indirectamente" ningún dogma ou crenza da relixión católica

A titular do xulgado de instrución número 3 da Coruña vén de sobre ser provisionalmente e arquivar, a petición da Fiscalía, a querela contra o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, Xosé Manuel Sande.

A denuncia fora presentada o pasado 18 de febreiro pola presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo, Aurora Carro, por considerar que o deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas do Entroido 2017, no que aparece unha persoa disfrazada de papa, ofendía os sentimentos relixiosos.

O auto xudicial onde se acorda o sobresemento remítese a un informe da Fiscalía, que sostén que "non resulta acreditada a perpetración da infracción penal", por entender que o debuxo "constituiría ao sumo unha imaxe provocadora ou satírica, pero non cuestionaría directa ou indirectamente ningún dogma, crenza, rito ou cerimonia da relixión católica", aínda no caso de entender que este facía referencia ao actual papa.

O informe do Ministerio Público acepta a posibilidade de que o cartel representase "unha simple caricatura dunha persoa disfrazada do sumo pontífice" e salienta que este é un disfrace "bastante habitual nas festas de Entroido desta cidade".

En todo caso, considera que non quedou acreditada "a intención do autor do cartel ou da persoa que o encargou -o concelleiro de Culturas- de ofender os sentimentos relixiosos". "Non convén perder de vista que se trata dun cartel exhibido nun contexto concreto (as festas de Entroido)", recorda o informe.

Por medio dun comunicado, Sande, sinalou que "a lóxica e o sentido común impóñense finalmente", e insistiu en que "en ningún momento houbo maior preocupación polo procedemento xudicial, dado que tampouco houbo nunca intención de ofender co cartel".

"Non podiamos esperar outra resolución que esta, baseándonos en dereitos tan fundamentais como a liberdade de expresión e de manifestación artística que tanto defendemos, e tendo en conta que este cartel non ataca a ninguén, simplemente reflexa o espírito irreverente do Entroido coruñés, festa prohibida durante anos por aqueles, precisamente, que impuñan o silencio", indicou o concelleiro.

Polo demais, afirma non ter estado preocupado "en ningún momento" pola resolución deste proceso, que cualificou coma "unha anécdota, e case unha extensión do propio Entroido".

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top