Venres, 25 Novembro 2016 03:10

O Observatorio lembra que a violencia machista transcende o ámbito dunha relación sentimental ou de parella

Valora este artigo
(3 votos)

Avoga por "romper o silencio cómplice de toda a sociedade", garantir axuda ás vítimas e educar en valores de igualdade e respecto

O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, con sede no Consello Xeral do Poder Xudicial, lembra que o concepto de violencia machista transciende "o marco dunha relación sentimental presente ou pasada" e maniféstase igualmente en calquera ataque á liberdade sexual dunha muller sen relación de parella.

Nunha declaración institucional con motivo do Día contra a violencia machista, o Observatorio subliña que mutilar os xenitais dunha muller ou forzala a exercer a prostitución son tamén "ataques directos aos bens xurídicos máis necesitados de protección e son consecuencia dunha histórica desigualdade que leva a unha falsa e malentendida superioridade do home respecto da muller".

A violencia que se dirixe sobre as mulleres, "polo feito mesmo de selo, por ser consideradas polos seus agresores como persoas carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión, constitúe un dos ataques máis flagrantes aos dereitos humanos fundamentais", afirma o organismo.

O Observatorio explica que estas agresións fundaméntanse "nunha situación de dominación por parte do home e de discriminación da muller", e esta subordinación da muller ao home "realízase, entre outros mecanismos, a través da violencia machista, que hoxe en día é un elemento estrutural da sociedade".

A declaración advirte de que a violencia machista "non é só un grave problema das mulleres, senón que dana directamente a toda a sociedade mundial" e "dificulta o normal desenvolvemento dunha sociedade democrática".

Silencio cómplice

O Observatorio insiste na árdua tarefa que implica a loita contra a violencia machista, centrada en "romper o silencio cómplice de toda a sociedade, garantir ás vítimas e aos seus fillos e fillas unha axuda integral, perseverar na educación en valores de igualdade e respecto, incrementar a investigación e aplicar recta xustiza".

Por último, fai un chamamento a toda a sociedade: "Sumemos forzas e rexeitemos unanimemente calquera expresión, por mínima que pareza, de resistencia cara á igualdade de xénero, combatamos activamente a discriminación, a crueldade e o ensañamiento contra as mulleres, illemos ao maltratador e condenemos a todos os que exercen a máis vil das violencias da nosa sociedade, violencia que custa vidas como as deste ano".

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top