Venres, 10 Febreiro 2017 01:56

O Observatorio reclama que as vítimas de violencia machista teñan asistencia letrada desde a primeira declaración policial

Valora este artigo
(2 votos)

Solicitará as Cortes reformas legais para implantar esta medida e que se potencien as Unidades de Valoración Forense e de Atención á Vítima

O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero acordou onte propoñer ás Cortes que adopten as reformas legais necesarias para incluír tanto na Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral como na Lei de Axuizamento Criminal que sexa preceptiva a presenza do avogado da vítima en toda declaración policial e xudicial, para asesorala, acompañala e intervir profesionalmente no seu nome.

Deste xeito, preténdese que as vítimas de violencia de xénero conten asistencia letrada desde o primeiro momento, mesmo antes de interpoñer a denuncia.

O Observatorio entende igualmente que a ampliación do concepto de violencia de xénero que se incluíu no Convenio de Istambul fai necesario que o lexislador inclúa as novas condutas consideradas como violencia sobre a muller no devandito Convenio na Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

Tamén se expoñerá aos parlamentarios a necesidade de impulsar a integración e coordinación de todos os sistemas informáticos e de potenciar as Unidades de Valoración Forense e de Atención á Vítima.

As achegas aprobadas polas institucións que forman parte do Observatorio, con sede no Consello Xeral do Poder Xudicial, serán expostas na subcomisión parlamentaria creada no seo da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados para a aprobación dun Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Un representante de cada unha das institucións que integran o Observatorio comparecerá, na súa condición de experto, nos próximos días ante a subcomisión.

Á reunión de onte, que presidiu Carlos Lesmes, presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, asistiron o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza e representantes dos Ministerios de Xustiza, de Interior e de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, así como da Consellería de Xustiza da Generalitat de Cataluña -en representación dos gobernos das 12 comunidades autónomas coas competencias transferidas en materia de Xustiza- e dos Consellos Xerais da Avogacía Española e dos Colexios de Procuradores de España.

 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top