O fiscal superior de Murcia denuncia desprotección na loita contra a corrupción

Do acontecido na reunión do Consello Fiscal, salienta pola súa relevancia medática a substitución no cargo do actual fiscal superior de Murcia, Manuel López Bernal, a quen lle compete a investigación aberta contra o presidente da Región, Pedro Antonio Sánchez, por un suposto caso de prevaricación administrativa cando era alcalde do municipio de Alcantarilla.

A primeira reacción veu da man da UPF, que onte mesmo cualificaba de "especial  o caso de Murcia". Para os fiscais progresistas, "se algún exemplo había que dar á sociedade para apontoar a confianza na Fiscalía era manter ao fiscal superior fronte ás intolerables presións e a imaxe da nosa Institución que trataron de dar algúns políticos". Co seu próximo cesamento, "a cidadanía e os propios fiscais entendemos a mensaxe", conclúe a nota.

Pero foi o propio Bernal, hoxe mesmo, quen nunha entrevista para a Cadena Ser denunciou a "desprotección" que senten "a maioría dos fiscais anticorrupción".

"Aos compañeiros de Murcia non se nos fixo a vida especialmente agradable. Chama a atención que se creara, por exemplo, unha asociación en Madrid coa única finalidade de querelarse contra min e a miña familia, en datas próximas á miña renovación", engadiu o aínda fiscal superior murciano. Bernal lembrou tamén as dúas entradas no domicilio sufridas por un fiscal que leva casos de corrupción, nas que se levaron o seu ordenador.

"Denunciamos ante a Fiscalía Xeral do Estado e a Delegación do Goberno, pero as investigacións non saen adiante". "Non é que a policía non queira investigar, pero tampouco se lles dá ás nosas denuncias a importancia que realmente teñen", laiouse o fiscal.

López Bernal advertiu que se non se lles ofrece protección aos que persiguen este tipo de delitos "poderémonos atopar nos próximos anos con que ninguén quere loitar contra a corrupción".

As declaracións do aínda fiscal superior desataron a reacción de todos os representantes políticos. O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, obviando o afirmado ao respecto por Bernal, afirmou que se trata "dunha actividade sometida a moita presión" e que "se considera que ten algún problema para o exercicio dos seus responsabilidades debería quizais poñelo en coñecemento da Fiscalía Xeral para ser tutelado nos seus dereitos". E engadiu que existen "canles internas para poñelo de manifesto ante a Fiscalía e garantir a súa completa autonomía".

Pola súa banda, o PSOE anunciou hoxe mesmo a presentación dunha petición parlamentaria para que comparezan de forma urxente perante o Congreso o propio Catalá, o ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, e o fiscal xeral para dar explicacións polas denuncias de López Bernal, cualificadas como escandalosas polo deputado de Unidos Podemos Rafael Mayoral, e o vicesecretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas.

 

 

Top