Mércores, 17 Mai 2017 05:50

A Xustiza galega non fala galego

Escrito por Enrique de Ron
Valora este artigo
(17 votos)

Os datos e o testemuño dos operadores xurídicos apuntan á Administración xudicial como unha das menos normalizadas no uso do idioma

A xustiza en Galicia non fala galego. Non quere, non sabe ou non pode. Ou tal vez as tres cousas xuntas en diferente medida. É un xuízo baseado en probas indiciarias e, claro está, na declaración de testemuñas, porque, a falta dun pormenorizado e actualizado estudo de situación, non cabe máis proba de cargo.

Unha primeira aproximación ao problema indica que o uso do galego escrito no mundo xudicial abranguería ao 3% das sentenzas; pero nada se sabe, con exactitude porcentual, de escritos de acusación e outros documentos procesuais. E moito menos do labor diario nas salas de vistas.

A Administración autonómica, máis aló dun informe publicado polo Observatorio da Lingua Galega en 2007, en tempos do bipartito, non coñece (ou non ten difundido) datos obxectivos que describan a situación actual, porque en dez anos non efectuou ningunha actualización dese documento.

Daquela, e con información referida exclusivamente ao Tribunal Superior de Xustiza e ás catro audiencias provinciais, o índice de normalización lingüística (29,67 sobre 100) era o terceiro máis baixo no conxunto das administracións públicas, só por riba do rexistrado na Axencia Tributaria e na Policía Nacional.

Ademais, quedaba claramente por debaixo do índice medio da administración xeral do Estado (37 sobre 100) e moito máis respecto da media da administración autonómica, na que todas as institucións superaban o 50 e mesmo chegaban ao 78.

E non pode ser doutro modo cando as comunicacións orais internas dentro da Administración de Xustiza se producen fundamentalmente en castelán. Nestes casos, son os operarios e subalternos os que máis empregan o galego, nunha porcentaxe do 37,3%, mentres que os que menos o utilizan (un 16%) son os que teñen un cargo máis elevado (xuíces, fiscais, letrados xudiciais e avogados).

O mesmo ocorre nas comunicacións co exterior, tanto orais coma escritas: na atención presencial e telefónica e nas conversas co público e cos provedores o uso do galego aínda supera o 30%, pero nos escritos a usuarios, institucións, ou provedores e nos correos electrónicos non chega nin ao 20%.

Uso xeral do galego

As porcentaxes que se manexan son aínda máis expresivas se se comparan coas do uso do galego pola poboación en xeral.

Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2013 o 87% dos galegos aseguraban saber falar moito ou bastante o idioma propio, pero en realidade falábano moito menos: o 51,5% afirmaba empregalo sempre (o 31,2%) ou, cando menos, con máis frecuencia có castelán (o 20,3%). Dez anos antes, aquela porcentaxe situábase no 61,5%...

E, porén, máis do 55% da poboación amosábase partidaria dunha maior presenza do galego no ámbito xudicial, das notarías, rexistros da propiedade, e avogacía, segundo unha enquisa publicada en 2010 pola Observatorio da Cultura Galega.

Pedir máis galego e falalo progresivamente menos semella representar as dúas caras dunha mesma moeda: se non aumentan os espazos onde empregar o idioma a consecuencia lóxica é deixar de usalo.

Cabería engadir, aínda que sexa a modo de apunte, que o orzamento destinado á normalización lingüistica, que en 2009 acadaba os 21,5 millóns de euros, é, en 2017, de 6,8 millóns.

Ata aquí, un feixe de datos (algúns xa enferruxados) para encadrar a paisaxe.

E a partir de aquí, os testemuños, que abundan nese debuxo con máis escuros que claros:

 

- Entre a voluntariedade e a falta de medios tecnolóxicos

- "O problema de base chámase Facultade de Dereito" 

Deixa un comentario

Asegúrese de introducir toda a información requirida, sinalada cun asterisco (*). Non se permite código HTML.

Top